O LIBRO “COCIÑANDO COAS RAZAS AUTÓCTONAS” RECIBE UN PREMIO GOURMAND WORLD COOKBOOK AWARDS


Un dos Gourmand World Cookbook Awards de 2012, recoñecidos galardóns cos que se distingue a produción editorial gastronómica, recaeu no receitario Cociñando coas razas autóctonas, premiado como mellor libro de cociña sostible de España. Este premio dálle o pase á gran final internacional que se vai celebrar no Carrusel do Louvre (París) no marco da Paris Cookbook Fair, do 22 ao 24 de febreiro.
Cociñando coas razas autóctonas é unha publicación da autoría de Rocío Garrido Caramés (Sanxenxo, 1977) editada pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia-Boaga. Trátase do primeiro libro de cociña que inclúe receitas elaboradas con carnes de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción: Ovella Galega, Cabra Galega, Galo Mos, Porco Celta, Cabalo de Pura Raza Galega e as bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa. No receitario tamén vén o modo de preparación de varias larpeiradas elaboradas a base de leite, ovos e queixo fresco, todos produtos secundarios derivados das devanditas razas. 
Tamén inclúe información sobre as nosas razas e fermosas imaxes. O libro é en galego.

UN GRAN REGALO PARA TODOS OS QUE NON O TEÑAN.
No enlace que vai a continuación poñemos os puntos de venda (ao final do blog)
Engádese desde estos días a venda en Vigo en "A Tenda do Avó"