Xornada Formativa no EFA Fonteboa.

O 22 de marzo os alumnos e alumnas do ciclo medio de produción agropecuaria do Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa recibiron unha xornada formativa sobre avicultura artesanal e a nosa raza,impartida polo Director Técnico de Avimós, Diego Rois e tamén contou coa participación do criador de Arteixo Carlos López Cotelo, da granxa Avicultura Artesanal A Senra, que lles contou as súas experiencias coa raza e coa comercialización das producións.





No CEIP Cernadas de Castro naceron poliños.

Fermosa experiencia a que se vivíu durante o mes de marzo no CPI Cernadas de Castro, en Lousame, provincia da Coruña. Alí os alumnos e alumnas asistiron ao nacemento de poliños da nosa raza, formándose na cría das galiñas. Durante todo o mes traballaron en actividades relacionadas co ciclo de vida das aves. Atopámonos cunhas mestras moi comprometidas co medio natural. O Conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, visitou o colexio e puido observar a actividade desenvolvida.







Outro nacemento no colexio de Muimenta.

Tamén ao CEIP de Muimenta, concello de Cospeito, provincia de Lugo, chegou o programa A Galiña de Mos Vai á Escola, que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, no que os nenos e nenas poden coñecer o ciclo de incubación das galiñas e coñecer á nosa raza.









Celebráronse unhas novas Xornadas Gastronómicas sobre a Galiña de Mos.

 No restaurante O Forno de Tovar, en Lourenzá, provincia de Lugo, celebráronse entre o 15 e o 24 de marzo unhas Xornadas Gastronómicas sobre a raza Galiña de Mos, con diferentes eleboracións suculentas. Destacan sempre neste restaurante as súas famosas Fabas de Lourenzá con Galiña de Mos, que son a unión de dous dos mellores produtos da nosa terra.






No colexio de Castro de Rei naceron poliños.

Ao CEIP Ramón Falcón, de Castro de Rei, provincia de Lugo, chegou o Programa A Galiña de Mos Vai á Escola.Os alumnos e alumnas asistiron ao nacemento de poliños da nosa raza e participaron no seu coñecemento.








Charla sobre a Galiña de Mos no IES Melide

Os alumnos e alumnas do Ciclo Superior de FP Dual de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal do IES Melide, asistiron a unha charla sobre "Nocións de avicultura". No ciclo que están a estudar incídese especialmente en producións gandeiras como a produción láctea, pero é importante que coñezan outro tipo de producións alternativas, coma a da crianza coa Galiña de Mos.