Gañador do I concurso de recetas Galo de Mos "Souto de Herville"

Como sabedes un criador da raza, a Granxa Soutodeherville, ven de facer un concurso de recetas de polo e galo no que participaron 31 blogueiros gastronómicos de toda España. O resultado final das votacións foi moi axustado e se presentaron recomendacións moi novedosas. Podedes seguir no seu blog máis información sobre os resultados do concurso.
Resultou gañadora unha receta de Polo á sal sobre torta de patacas e salsa de chocolate e café de Almudena Abalo de Vilagarcía de Arousa de Almudelicias.

En segundo lugar, enviada desde Madrid, quedou un apetitoso Galo de Mos estofado ao azafrán sobre puré de patacas galegas e berza; de José Romero de Romero y algo más.
En terceiro lugar unha receta que nos chega desde Tenerife, Polo en crumble de muesli,  de Isabel López, de Lamboadas de Samhain

Fotos da feira GandAgro

No seguinte enlace podedes ver as fotos da feira GandAgro celebrada en Silleda fai uns días. Alí asistimos con outras razas autóctonas galegas. Nas imaxes vese tamén a moitos dos nosos gandeiros co seu gando.
https://picasaweb.google.com/gandagro/GandAgro2012RazasAutoctonasDeGalicia

Unha galiña da raza Mos dun criador de Riotorto (Lugo) e un galo dun criador de Mos (Pontevedra) gañan o concurso GandAgro.


Silleda, 7 de marzo de 2012. O II Monográfico da Gandería e a Agricultura, GandAgro 2012, que se celebra dende hoxe e ata o vindeiro sábado na Feira Internacional de Galicia, acolleu o II Concurso-Exposición da Galiña de Mos, no cal participaron 60 exemplares desta raza en perigo de extinción pertencentes a 17 criadores de distintos puntos de Galicia.
A galiña gañadora foi un exemplar de Riotorto (Lugo), pertencente ao criador Luís Fernández Fernández, mentres que o galo que se fixo co primeiro premio foi un animal de Mos (Pontevedra), propiedade de Alejandro Collazo Casal. Os segundos premios acadáronos unha galiña da vila de Mos, de Manuel Rodríguez Alonso, e un galo de Carral (A Coruña), de José Manuel Rama García.
En canto aos terceiros postos, foron para unha galiña de Val do Dubra (A Coruña), propiedade de Mariña Grille Negreira; e un galo de Vilalba (Lugo), de Francisco Monasterio Solveira.
Os 60 animais participantes tamén forman parte dunha exposición centrada en todas as razas autóctonas de Galicia en Perigo de extinción, a cal conta co apoio dos fondos Feader. Nela pódense ver ademais 21 exemplares de bovino, 10 de ovella galega, 20 de cabra galega, 4 de porco celta e 5 de cabalo de pura raza galega.

Sábado 10 de marzo, derradeira charla informativa sobre a avicultura artesá

O vindeiro sábado 10 de marzo, na sala mirador do pavillón número 2 do recinto Feiral de Silleda, celebrarase a derradeira charla informativa sobre o novo decreto de avicultura artesá.
A partir do día 13 de marzo comezaremos a poñernos en contacto con todos os criadores interesados en rexistrar as súas explotacións, para facer os trámites.

Xornada Informativa no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

Imaxe xornada informativa en Bembibre, Val do Dubra.