Vídeos sobre Xornadas Técnicas de razas autóctonas na Semana Verde 2014.

Na nosa web están os vídeos das Xornadas Técnicas que se celebraron con motivo da Semana Verde deste ano. Un dos vídeos é sobre os Principios básicos da alimentación en avicultura artesanal na raza Galiña de Mos e o outro sobre a análise parcial dos resultados sobre o estudo da caracterización das pulardas da raza Galiña de Mos sofre unha estirpe industrial.
Para ver os videos pulsar aquí.
Tamén están no seguinte enlace o resto das ponencias das Xornadas Técnicas sobre razas autóctonas, organizadas pola Federación de razas autóctonas de Galicia-BOAGA: http://www.boaga.es/tv/

As nosas aves foron protagonistas en Luar.

O programa de máis audiencia da TVG, o programa Luar do venres 19 de setembro, adicouse á galiña e como non, alí estiveron as grandes protagonistas da noite, a Galiña de Mos. Un lote de 10 galiñas e un galo e outro lote de 25 poliños dun día estiveron presentes no plató. O Director Técnico de Avimós, Diego Rois, participou no programa acompañado de "Suso" veterinario de Arzúa e colaborador da TVG en varios programas, que falou da galiña piñeira entre outros temas. Tamén estiveron os peluches da nosa raza, ovos e carteis divulgativos... 
No plató do programa, que se desenvolveu en directo, tamén estivo Francisco Monasterio, Presidente de Avimós. Tralo remate do programa xa de madrugada e unha vez recollidos os peches e os galiñeiros, as aves voltaron ás súas explotacións de orixe en Tordoia e Castro de Rei.
 No seguinte enlace podemos ver o programa: Luar Galiña de Mos

Informe sobre a reunión no Ministerio de Agricultura.

A pasada semana tivemos unha reunión no Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (MAGRAMA). Debido a que Avimós é o representante da sección avícola para toda España, dentro da Federación de Razas Autóctonas Españolas (FEDERAPES), asistimos coa Federación Nacional a unha reunión co Director Xeral de Producións e Mercados Agrarios e dous Subdirectores do seu departamento.
Nesta reunión plantexamos a importancia de que a administración española, sexa sensible ás problemáticas existentes de cara ao fomento das pequenas explotacións avícolas, que non teñen nada que ver nas súas producións, coas miles de unidades da gran industria avícola.
Especialmente tratouse a normativa europea que exime do cumprimento de determinados requisitos no caso do subministro directo polos produtores de pequenas cantidades de produtos primarios ao consumidor final ou a establecementos locais de venda polo miúdo para o abastecemento ao consumidor final e de aves sacrificadas na explotación, en determinadas condicións. O problema neste caso é que en España, a normativa non permite este sacrificio, cando no resto de países europeos, si, algo que parece inxusto.
Desde Federapes plantexamos unha proposta de cara a avanzar nesta autorización, comprometéndose o Magrama a interceder ante o Ministerio de Sanidade para apoiar aos pequenos produtores de razas autóctonas de galiñas e favorecer os mercados de circuitos curtos de comercialización.

A Galiña de Mos estará en Expolugo.

Os días 4 e 5 de outubro deste ano vaise celebrar en Lugo outra edición da feira EXPOLUGO. Con motivo desta oportunidade, celebrarase o II Concurso-Exposición Monográfico Provincial de Lugo da Galiña de Mos. Está patrocinado pola Deputación Provincial de Lugo e a Fundación Feiras e Exposicións de Lugo. 

A Galiña de Mos estará no programa Luar

O famoso programa Luar da Televisión de Galicia, do próximo venres 19 de setembro, contará coa Galiña de Mos. Alí estaremos con exemplares adultos e poliños falando da nosa raza... A partir das 22 horas.

Rematou unha exitosa Vuelta Ciclista a España

Ven de rematar unha nova edición da "Vuelta Ciclista a España" na que a Galiña de Mos tivo protagonismo grazas á invitación da Asociación de Hosteleiros da Provincia de Lugo, que tivo un stand durante todo o percorrido coa súa marca "E Para Comer Lugo". Promocionáronse produtos de calidade galegos durante as saídas das etapas, habendo degustación de Galo Mos nas cinco etapas galegas, con saída en Ortigueira, A Estrada, Salvaterra do Miño, Santo Estevo de Ribas de Sil e Santiago de Compostela.
Houbo un gran interés pola nosa raza e os seus produtos sendo un bo punto de contacto con moitos interesados.
 Imaxes da saída en Ortigueira

A Galiña de Mos no famoso xogo FarmVille2.

Un dos xogos máis famosos dos existentes para teléfonos móbiles, sendo o máis xogado a través de facebook, é o chamado FarmVille2. Iste xogo permite manexar unha granxa virtual en tempo real, facendo aqueles labores que se realizan nunha granxa, como criar animais.
Nunha das actualizacións podemos xogar nunha granxa de España e cales son as galiñas que hai que criar??.... Sorpresa, xa podemos criar Galiña de Mos virtualmente.
A empresa que realiza iste videoxogo chámase Zynga, estando en California, nos Estados Unidos.
Nas imaxes vemos unha captura do xogo que nos enviou un xogador e a recreación da Galiña de Mos feita para o xogo. como se pode ver é moi realista.
Quen o diría... A nosa raza cada vez máis internacional.