A Galiña de Mos estivo en Boimorto.

Con motivo da celebración da feira Magreco 2017 a Galiña de Mos estivo representada polos criadores de Castelo de Alcobre (David Santos), María José Castro (de Castro de Madrosende), José Ramón Cillero e Alex Fiuza, todos eles de Vila de Cruces que realizaron unha degustación de tortilla de pataca con ovos de Galiña de Mos. Tamén asistimos co posto de Avimós. Repartiuse moita información sobre a raza.

A Galiña de Mos estivo no CEIP A Fraga das Pontes.

O CEIP A Fraga das Pontes de García Rodríguez tivo uns visitantes moi especiais o pasado 24 de marzo. Un Galo e unha Galiña de Mos estiveron no colexio e fixeron as delicias dos alumnos. Aproveitando que se realizou unha incubación de ovos nacendo nove poliños, impartimos tres charlas formativas a todos os rapaces do colexio, en diferentes tandas, aos que se lles explicou as características da nosa raza, ademáis do ciclo da vida desde a formación dun ovo ata o nacemento dos polos. Un macho e unha femia da nosa raza axudáronnos a que os alumnos comprenderan mellor as características da Galiña de Mos.

Estaremos este fin de semana en Boimorto.

Con motivo da celebración da feira Magreco 2017 en Boimorto, provincia da Coruña, que se celebra este fin de semana, a Galiña de Mos estará representada polo stand de Avimós e tamén coa presenza de dous postos máis de criadores. Nun estará a granxa Castelo de Alcobre, que presentará exemplares da súa granxa e tamén dos criadores Alex Fiuza, José Ramón Cillero e Castro de Madrosende. Farán unha degustación de tortillas de pataca con ovos de Galiña de Mos.
Tamén asistirá o criador David Sueiro, da granxa Galo Celta, que impartirá unha charla o sábado ás 12 sobre a súa experiencia coa avicultura alternativa.

Na Escola de Educación Infantil de Vilalba naceron poliños da nosa raza.

Na Escola de Educación Infantil de Vilalba naceron poliños de Galiña de Mos, xa que foron incubados nunha incubadora de 20 ovos, nacendo despois de tres semanas os poliños. Os alumnos estiveron moi atentos á fase de incubación esperando con gran interés a que chegara o día...

Participamos na mesa do Turismo de Lugo.

A Deputación de Lugo está a promover unha serie de iniciativas para o desenvolvemento do turismo nesa provincia. Avimós e Boaga foron invitadas a participar na Mesa de Turismo da provincia de Lugo para aportar ideas para o desenvolvemento do territorio en materia turística. Alí defendimos como fortaleza o turismo gastronómico na base dos produtos autóctonos e en especial das nosas razas autóctonas, como mecanismo de promoción do turismo local.
 Máis información La Voz de Galicia

No Fórum Gastronómico da Coruña sonou a Galiña de Mos.

Entre o 12 e o 14 de marzo celebrouse o Fórum Gastronómico na Coruña. Alí estivo o criador David Sueiro, no stand das Cooperativas de Galicia, coa súa marca Galo Celta e os produtos de Galiña de Mos.

A Galiña de Mos estivo en Ordes.

Con motivo da exposición que se celebrou en Ordes, coincidindo coa Festa do Lacón con Grelos, os días 11 e 12 de marzo as criadoras Mari Luz Fernández, do mesmo concello de Ordes e Cruz Grille, de Tordoia, estiveron expoñendo as aves súas aves da raza.

Este fin de semana a Galiña de Mos estará en Ordes.


Durante o 11 e 12 de marzo celebrarase en Ordes a Festa do Lacón con Grelos. Na exposición que haberá participaran dúas criadoras de Galiña de Mos, Mari Luz Gómez e Cruz Grille, expoñendo aves da raza e informando sobre as súas granxas.

ABANCA e BOAGA asinan un convenio que beneficiará a todos os criadores.

Todos os criadores de razas autóctonas integradas na Federación de Razas Autóctonas de Galicia - BOAGA, entre os que se atopan os criadores de Galiña de Mos, poderanse beneficiar dun acordo de colaboración asinado entre a Federación e ABANCA.
O convenio facilita que os empresarios e emprendedores asociados accedan a unha ampla oferta financeira con condicións melloradas respecto ao mercado. Así, os asociados poderán contratar produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial. O protocolo tamén inclúe o acceso a toda a oferta para o sector agro-gandeiro. Do mesmo xeito, os asociados adheridos poderán acceder ás vantaxes que ofrece o novo Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.
Calquera criador interesado deberá solicitarnos o certificado de pertenza á asociación e achegarse á súa oficina de Abanca.
No seguinte enlace pódense observar as condicións particulares do convenio. Convenio ABANCA-BOAGA.

A Galiña de Mos estivo nas Pontes.

O pasado fin de semana celebrouse nas Pontes de García Rodríguez unha mostra de razas autóctonas con motivo da Festa do Grelo. Alí estivo a Galiña de Mos con outras das nosas razas autóctonas. A carpa da exposición foi moi visitada durante os dous días do evento.