Achégase unha Semana Verde 2013 chea de actividades.

Do 13 ao 16 de xuño celébrase unha nova Feira Internacional Semana Verde de Galicia, en Silleda, Pontevedra. A presente edición preséntase chea de actividades e novidades que vos iremos reseñando nos próximos días. 
Dentro da Galiña de Mos haberá un concurso-exposición por lotes, un mercado de venda  de polos, xornadas técnicas, asamblea da asociación, exposición e venda de produtos, degustacións e moita información. 
Co resto das razas autóctonas participaremos en diversas actividades.
Mái información: Aquí, tamén nota de prensa.


A UE busca un nome para os produtos locais. Algunha idea?

A UE está buscando un nome curto e orixinal que podería ser empregado para identificar aos produtos agrícolas e alimenticios producidos nunha granxa e se venden en circuitos curtos de comercialización. Ata   o de agora, estes produtos son xeralmente chamados "produtos locais", pero dentro da estratexia de promoción que ten a UE, busca ideas de cara a novos xeitos de denominación e de promoción. Calquera que teña unha idea pode encher o cuestionario ata o 31 de maio. (está en inglés).

Charla sobre a Galiña de Mos no C.E.I.P. Veleiro do Campo

O colexio de educación infantil e primaria Veleiro do Campo, en Castro de Riberas de Lea, no concello de Castro de Rei (Lugo) acolleu unha charla sobre a Galiña de Mos. Coa asisitencia dun amplo número de alumnos e mestres do centro, o criador José Zapata, de Chousa do Lea, falou da súa granxa de avicultura artesá, da nosa raza e dos traballos que desenvolve a asociación.

Enric Ribera califica de brillante o labor que estamos a facer pola recuperación das razas autóctonas

Enric Ribera Gabandé (Lleida, 1950), periodista e escritor especializado en temática turística e gastronómica, autor de numerosos libros, publicacións e reportaxes para televisión e posuidor de diversos galardóns, especialmente en Cataluña, ven de facer unha publicación no blog de tvcocina onde ensalza o labor que se está a facer desde a Federación de razas autóctonas de Galicia-BOAGA e desde as asociacións respectivas, incluíndo á Galiña de Mos.
Un recoñecemento ao labor que estamos a facer todos xuntos. Graciñas.

O programa Larpeiros visitou unha granxa de Galiña de Mos

O Programa Larpeiros visitou a un dos criadores da raza Mos, Nicolás Castro da granxa Castro de Madrosende, en Vila de Cruces  e fixo unha receita con espumoso galego... Rico, rico...