Gran éxito da Monográfica

Con motivo da celebración da feira Expolugo, celebrouse os pasados días 3,4,5 e 6 de outubro o II Concurso-Exposición monográfico da Galiña de Mos, no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo que tivo un gran nivel de participación, sendo visitado por case 20.000 persoas.

O Conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia e o Delegado en Lugo da Consellería do Medio Rural atenderon ás explicación do Presidente de Avimós.

Os vencedores foron na categoría de Galos:

1º premio-galo propiedade de Ramón. F. Sueiro, de Laracha, A Coruña

2º premio-galo propiedade de Alvaro Rodríguez, de Mos, Pontevedra.

3º premio - galo propiedade de Ramón Monasterio, de Vilalba, Lugo.

Na categoría de galiñas:

1º premio-galiña propiedade de Juan Pernas, de Xermade, Lugo.

2º premio-galiña propiedade de Luis Fernández, de Riotorto, Lugo.

3º premio-galiña porpiedade de Carlos Durán, de Ferrol, Lugo.

O Conselleiro de Medio Rural e o Delegado en Lugo charlaron con varios dos criadores.

Exposición en Xixón

Os días 26, 27 e 28 de setembro de 2008 celebrouse no recinto da Feira de Mostras de Xixón o I Concurso-Exposición Internacional de Avicultura de razas Autóctonas de España, Francia e Portugal no que participaron os exemplares da Galiña de Mos.
Un lote do criador Carlos Durán, de Ferrol, alzouse co segundo premio da exposición. Noraboa aos nosos participantes.

II Exposición-Monográfica da Galiña de Mos

Todo preparado para a celebración da II Exposición-Monográfica da Galiña de Mos que se celebrará no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo do 3 ao 6 de outubro, coincidindo coa celebración da exposición Expolugo. Dispoñemos de entradas, polo que os interesados as poden solicitar á asociación.

Nova web de raza de galiñas

Os nosos amigos da Galiña vasca (Euskal Oiloa) veñen de crear unha web de promoción e información da súa raza. Non deixedes de visitala. Engadímola ao listado lateral de páxinas de razas de galiñas. Para visitala pinchade aquí.

Mostra de razas autóctonas en Narón

Os pasados días 9 e 10 de agosto celebrouse na parroquia de Sedes, concello de Narón, provincia de A Coruña, unha mostra de razas autóctonas englobada dentro da festa Oenach Céltico. Os criadores da zonas organizaron unha fermosa exposición de varios tríos de exemplares da raza. Participaron entre outros os criadores Luis Garnelo, Carmen Grandal, Ricardo Allegue, Juan Carlos Puente, Álvaro López, Germán Fraga e Fidel López. Tamén houbo unhas xornadas gastronómicas nas que predominou o Galo Mos como un dos pratos principais.

Mostra de exemplares en Mos, Pontevedra

Con motivo da celebración o pasado 13 de maio da Festa da Rosa no concello de Mos, en Pontevedra, os criadores da zona Álvaro Rodríguez, José Manuel Martínez e Maximino Pérez fixeron unha exposición de exemplares que tivo moitos visitantes.

Feira en Bretoña

En Bretoña, no concello da Pastoriza, provincia de Lugo, celebrouse o pasado 15 de xuño a I Mostra de Gando do País na que se ubicou unha carpa na que houbo unha exposición das razas autóctonas galegas estando representada a Galiña de Mos cunha exposición de 30 exemplares.

Charla de Juan Carlos Puente

O criador da raza e activo colaborador da nosa asociación, Juan Carlos Puente Hermida, deu dúas charlas divulgativas sobre a Galiña de Mos, nas que tamén falou sobre as outras razas autóctonas galegas, no colexio Tirso de Molina de Ferrol, A Coruña.
As charlas impartíronse nas clases de 6º de primaria, que foi o 28 de maio e en 1º de ESO, o 4 de xuño.
As actividades de divulgación da Galiña de Mos son moi importantes para que os cidadáns a coñezan e se sensibilicen coa nosa raza, sobre todo os máis pequenos.

Cena de Pola Mos cebada

Criadores da zona de Ferrol reuníronse o pasado día 23 de maio no muíño de Pedroso, en Narón, provincia de A Coruña, nunha cena de confraternidade na que degustaron unha das maiores exquisiteces que teñen as producións da nosa raza, a Pola Mos cebada.
As polas cebadas é o nome que desde Avimós utilizamos para definir o que os franceses denominan "poularde" que son aquelas poliñas (é decir, antes de que se convirtan en galiñas, cando empezan a poñer) cebadas convenientemente para o consumo. En moitas zonas de España esta produción coñécense coma pulardas, pero existe unha gran controversia con este nome, xa que uns din que a pularda é a pola castrada e outros que é a pola sen castrar, existindo moitos conflictos coa denominación.
As nosas polas cebadas, que teñen unha idade de 4,5 meses, son dun sabor excepcional e recomendamos a todos aqueles que non as probaran que o fagan xa que quedarán sorprendidos.
En tempos pasados non foi un producto que en Galicia se usara moito xa que era un luxo comer unha poliña, xa que esta tiña a súa función de chegar a ser galiña para poñer ovos.
Afortunadamente hoxe podémola desfrutar..........





Seguimos de feira....

Comezamos unha tempada intensa de feiras viaxando a Galiña de Mos por moitas cidades e pobos como A Pastoriza, Mos, Narón, Lugo, Xixón, Bilbao, Palma de Maiorca, Riotorto, Mos, Viladecruces...

.........Seguiremos informando.........

Feira en Riotorto

A Feira de primavera dos productos ecolóxicos e de tempada de Riotorto, en Lugo, feita o 11 de maio, tamén contou coa Galiña de Mos. O criador Luis Fernández Fernández estivo presente cos seus exemplares. Podedes visitar a súa páxina e as novas que vai tendo.

A nosa raza en Sarria

En Sarria, na provincia de Lugo, a Galiña de Mos estivo na 23ª feira de San Isidro dos pasados días 10 e 11 de maio. Alí estiveron lotes do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia.

Repartíronse máis de 1.000 folletos e trípticos con información sobre a raza e a nosa asociación.

A Galiña de Mos en Expoaviga

No recinto feiral de Hospitalet de Llobregat, ao carón de Barcelona, entre o 15 e o 18 de abril celebrouse unha nova edición de Expoaviga. Esta é unha das maiores feiras agropecuarias que se celebran en España, moi enfocada cara o sector profesional. Esta edición tivo como novedade unha fermosa exposición avícola na que xogaron un importante papel as razas autóctonas españolas, e como non podía ser menos, alí estiveron exemplares da nosa raza, enviando representación os criadores, Ramón Abella, Carlos Durán e Germán Fraga.

Os ovos da Galiña de Mos no Forum Gastronómico de Santiago

Do 16 ao 20 de febreiro celebrouse en Santiago o Forum Gastronómico 2008, onde se dan cita as últimas tendencias da nosa cociña. A asociación Filloas da Pedra, de A Baña, na provincia da Coruña, presentou o seu produto estelar, as filloas, feitas con ovos de Galiña de Mos. A combinación do método tradicional de elaboración das filloas, cuns ovos de tanta calidade deu un sabor... irresistible. Os ovos foron donados polo criador José Liñares.

II Campeonato de España de Avicultura

Na localidade asturiana de Castropol celebrouse o II Campeonato de España de Avicultura entre os días 9 e 11 de novembro. Na Galiña de Mos resultou vencedora unha galiña de Edmundo Novoa, de Lugo. En segunda posición quedou unha galiña de Ramón Abella, de Valdoviño.
O concurso tamén contou coa participación de exemplares de Germán Fraga, Fidel López, Carlos Durán, os tres de Ferrol e de Luis Fernández de Riotorto. Tamén participaron criadores da raza doutras autonomías. En total foron máis de trinta exemplares da raza na exposición.


Nova web

O criador da raza Luis Fernández Fernández, pon en marcha unha páxina persoal con información das súas galiñas e da Ovella Galega, raza da que tamén é criador.

Felicitamos a Luis pola súa iniciativa e animamos a calquera criador que teña algunha novidade publicitaria a que nola comunique.

Creamos un novo capítulo na barra lateral para engadir as webs dos criadores.

Podedes ver a páxina de Luis premendo aquí.

ESPECTACULAR

Espectacular foi a palabra máis escoitada no I Concurso-Exposición Monográfico da Galiña de Mos celebrado en Lugo do 4 ao 7 de outubro integrada dentro da mostra Expolugo.

É a primeira vez que se celebra en Galicia unha exposición de galiñas destas características e foi un rotundo éxito. Visitaron o concurso-exposición máis de 24.000 persoas.

Moitas autoridades visitaron o concurso-exposición e felicitaron á asociación.

O Vicepresidente da Xunta de Galicia, D. Anxo Quintana (no centro) atende ás explicacións do Presidente de Avimós (dereita) D. Francisco Monasterio. Á esquerda o Conselleiro de Innovación e Industria da Xunta de Galicia D. Fernándo Blanco.

O presidente de Avimós (no centro) xunto ao Conselleiro de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, D. Fernando Blanco (esquerda) e o Presidente da Deputación Provincial de Lugo, D. José Ramón Gómez (dereita).

O Conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, D. Alfredo Suárez (esquerda) e o Delegado de Lugo da Consellería do Medio Rural D. Emilio López (centro) na exposición xunto ao Presidente de Avimós.


Os exemplares presentados polos criadores ao concurso foron dunha altísima calidade, o que contribuíu á maior vistosidade da exposición.

Os gañadores foron:


Na categoría de galos:

1º Premio: galo propiedade de Carlos Durán, de Ferrol.

2º Premio: galo propiedade de Ricardo Allegue, de Fene.

3º Premio: galo propiedade de Francisco Manuel Penabad, de Ortigueira.


Na categoría de galiñas:

1º Premio: galiña propiedade de Edmundo Novoa, de Lugo.

2º Premio: galiña propiedade de Luis Fernández, de Riotorto.

3º Premio: galiña propiedade de Mario Rico, de Ferrol.


Tamén se celebrou o IV Concurso Infantil de Debuxo da Galiña de Mos. Nos próximos días publicaremos tódolos debuxos.

A gañadora do concurso de debuxo Sofía Puente, de Ferrol, recibe o premio entregado polo Delegado de Lugo da Consellería do Medio Rural, D. Emilio López.


I CONCURSO-EXPOSICIÓN MONOGRÁFICO DA GALIÑA DE MOS

Todo preparado para a celebración do I Concurso monográfico da nosa raza. Será no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo do 4 ao 7 de outubro, incluído dentro da mostra gandeira que se fará con motivo das festas do San Froilán da capital lucense.