A Expo-Degustación da Galiña de Mos de San Xiao de Mos bate o récord de asistentes.

A Exposición e Degustación da Galiña de Mos celebrada o domingo 25 de outubro na parroquia de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei, provincia de Lugo, batíu o récord de asistentes na súa sexta edición.
Máis de 1.000 persoas xuntáronse para degustar un menú composto por ovo de Galiña de Mos con patacas asadas, e galo e pularda da nosa raza, acompañado de queixo donado pola empresa Leitigal e tarta de améndoa.
A xornada na que colaboraron os criadores da zona, apoiados pola nosa asociación, o concello de Castro de Rei e a Deputación Provincial de Lugo foi un grande éxito.
Tamén se celebrou o primeiro concurso comarcal da Terra Chá da Galiña de Mos, resultando vencedores unha galiña de José Zapata Sánchez, de Castro de Riberas de Lea e un galo de Antonio Carballo Ameijeiras, de San Xiao de Mos. As aves foron valoradas polo Director do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, D. Cástor Rivero.