A Galiña de Mos estivo na Feira do Porco Celta de Sarria.

Os días 11 e 12 de febreiro estivemos na feira Fiporco, organizada en Sarria con motivo da novena edición da Feira do Porco Celta de Sarria. Nun posto da Federación de Razas Autóctonas de Galicia-BOAGA, repartimos información sobre a nosa raza e do resto das nosas autóctonas.


La innovación es buscarse la vida.

O pasado 10 de febreiro asistimos á charla que deu Ferrán Adríá no Pazo de Congresos de Santiago, invitados por CaixaBank. Nela falouse sobre restauración, produtos agroalimentarios e creación de empresas e marcas pero sempre tendo en conta que debemos afrontar os nosos negocios con optimismo, ilusión e iniciativa.

A Galiña de Mos triunfou en GandAgro

A nosa raza tivo un gran protagonismo na feira profesional GandAgro, celebrada en Silleda. Xunto co resto das razas autóctonas destacaron nunha carpa habilitada específicamente. O lote de exemplares estivo acompañado coas nosas razas gandeiras, pasando máis de 20.000 persoas a visitarnos, establecendo moitos contactos con interesados na avicultura artesanal.
O sábado fíxose unha degustación de productos 100% raza autóctona diante do stand de Boaga, na que houbo empanada de polo da nosa raza.


A Galiña de Mos participará en GandAgro


Do 26 ao 28 de xaneiro, celébrase en Silleda a Cimag-GandAgro 2017, unha feira de Maquinaria, Agricultura e Gandería, no que haberá xornadas técnicas, concursos e exposicións. Estaremos presente no stand de BOAGA xunto coas asociacións integradas, expoñendose un lote de exemplares da raza, onde se informará aos interesados. O sábado 28 ás 14 horas haberá unha degustación de produtos 100% Raza Autóctona no noso stand.

Máis información gandagro


Un ano máis en Fitur falouse da Galiña de Mos

O pasado día 18 de xaneiro con motivo da Feira Internacional do Turismo FITUR, presentouse a Guía da Hostalería de Lugo, onde se fala de produtos da Galiña de Mos. Asistimos ao stand de Galicia á súa presentación, contando ademais coa presenza de cociñeiros de Madrid e autoridades. Aproveitando a visital á capital española, realizouse unha degustación e presentación de galo da nosa raza co selo 100% raza autóctona no restaurante Portomarín, emblemático local de hostalería galego. Participamos cos nosos amigos da raza Ovella Galega e a aceptación dos nosos produtos foi enorme.


Bo Nadal e Feliz Aninovo

Con esta felicitación de Nadal feita por un neno do colexio Menendez Pelayo de Lugo, querémosvos desexar un Bo Nadal e un Feliz Aninovo a todos. Que o vindeiro ano esté cheo de éxitos.

Dous criadores da raza presentaron capóns na feira de Vilalba.

A feira do Capón de Vilalba celebrada o domingo 18 de decembro, contou coa presenza de dous criadores da raza Galiña de Mos, Francisco Monasterio e David Cristóbal, que presentaron capóns autóctonos. Desde tempos históricos ata os anos setenta do pasado século, os capóns de Vilalba se facían a partir da raza Galiña de Mos, pero na actualidade a maioría se fan de estirpes industriais. Actualmente varios criadores de Avimós volven a apostar polos capóns de antes, os da raza Galiña de Mos.





No colexio Menéndez Pelayo de Lugo aparece a Galiña de Mos nas postais.

Os nenos do CEIP Menéndez Pelayo da cidade de Lugo, elaboraron as postais de nadal coas razas autóctonas galegas. Máis de 400 nenos e nenas fixeron uns orixinais debuxos nas súas postais, estando moi presente a Galiña de Mos. Con elas fixeron unha interesante exposición.



A Galiña de Mos estivo en Cerdido

O pasado día 6 de decembro celebrouse a Feira da Barqueira, no concello de Cerdido, provincia da Coruña. Alí estivo un galo e unha galiña da nosa raza, xunto con información do resto de razas autóctonas.

A Galiña de Mos estivo na feira de San Martiño.

A Feira de San Martiño, celebrada no lugar de Francos, no concello de Teo, o pasado 11 cde novembro, contou coa participación de Refael Carbajales Bouzón, criador da raza da granxa Eo dos Menecos. Repartíuse información da súa granxa e da nosa raza.

Outro éxito da Expo-Degustación da Galiña de Mos

A Expo-Degustación da Galiña de Mos celebrada en San Xiao de Mos, concello de Castro de Rei, Lugo, o 30 de outubro foi un rotundo éxito. 1.000 persoas xuntáronse na carpa de degustación para saborear un menú formado por galo Mos, un ovo frito acompañado de pataca da Terra Chá e dous postres donados por empresas da zona.

Unha marca comercial de Galiña de Mos asesorada pola Deputación de Lugo.

A Deputación Provincial de Lugo está a ofrecer asesoramento gratuíto para xerar ou reconverter empresas no IV edición do Campus de Emprendemento Sostible. Este é un plan de fomento do emprego a través do que o organismo provincial ofrece a emprendedores formación, asesoramento individualizado e coñecemento sobre iniciativas empresarias consolidadas con visitas ás mesmas co obxectivo de abrir novos negocios ou reconverter os existentes, facéndoos máis competitivos e, polo tanto, incrementando os seus beneficios. A empresa do criador Alberto Fernández Fraga, de Galimós, en Outeiro de Rei, Lugo, recibíu asesoramento de caracter administrativo e de comercializacion, a través da anterior edición deste campus.
Aqueles interesados na edición deste ano pódense informar na páxina www.deputacionlugo.gal.
 

Expo-Degustación da Galiña de Mos

Este domingo celébrase a Expo Degustación da Galiña de Mos en Castro de Rei, Lugo, no pobo de San Xiao de Mos (ao carón da Iglesia). Os criadores da zona organizan un ano máis, en colaboración co concello de Castro de Rei, unha degustación que se servirá nunha carpa para 1.000 comensais. Noutra carpa anexa haberá exposición de exemplares de Galiña de Mos, de criadores da zona e da comarca da Terra Chá, patrocinada polo concello de Castro de Rei en colaboración con Avimós, así como outras actividades. Esperámosvos a todos.

Xornada Técnica sobre Prevención de riscos laborais en granxa avícolas.

O próximo 25 de outubro o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral organiza en Lugo, dentro da súa programación formativa para o ano 2016, unha xornada tecnica de prevención de riscos laborais en todo tipo de granxas avícolas. Aqueles que estén interesados en asistir poden obter máis información no seguinte enlace: enlace á información da xornada.

Éxito da Galiña de Mos na feira Expolugo.


A nosa raza foi unha das grandes protagonistas na feira Expolugo que se celebrou os días 8 e 9 de outubro e contou con varias actividades.

A Galiña de Mos estará na feira EXPOLUGO

Os días 8 e 9 de outubro celebrarase outra edición da feira EXPOLUGO A Rural, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo (Recinto Feiral o Palomar s/n, Lugo, ao carón da estrada Nacional VI).
Organízanse varias actividades nas que participa a Galiña de Mos.
Celebrarase o IV Concurso-Exposición Monográfico Provincial da raza Galiña de Mos.
Tamén haberá un Mercado Alimentario de Razas Autóctonas, o desfile de gando polas rúas do centro de Lugo e Degustacións gratuítas de carne de razas autóctonas, o sábado 8 a partir das 14:00 horas e o domingo 9 a partir das 13:00 horas.

O horario de apertura ao público será de 12 da mañá a 9 da noite ininterrompidamente os dous días.

A Galiña de Mos estivo en Muras

Con motivo da celebración da Feira do Poldro e Gando de Monte en Muras, realizouse unha exposición de razas autóctonas onde participou a nosa raza xunto con outras das autóctonas. Repartíuse abundante información publicitaria xa que foi unha feira moi animada.

Presentados estudos sobre a Galiña de Mos nun congreso Internacional.

No X Congreso Ibérico sobre Recursos Xenéticos Animais celebrado na localidade portuguesa de Castelo Branco, a mediados do mes de setembro, presentáronse diversos estudos sobre as características dos ovos da raza Galiña de Mos e sobre a calidade da carne das galiñas, ademáis de analizar a evolución da nosa raza. Neste congreso científico observouse como a Galiña de Mos é a raza de galiñas autóctonas de maior censo en toda a Península Ibérica, sendo actualmente a lider en produción e comercialización entre as autóctonas

A Galiña de Mos estivo en Coristanco

Con motivo da celebración da Festa da Pataca de Coristanco celebrada o domingo 18 de setembro, celebrouse unha exposicíón de produtos galegos participando a nosa raza. O criador Gervasio Mouro do concello de Zas, presentou varios exemplares e asistimos repartindo moita información sobre a raza. Foi unha feira moi visitada.

En Ponteareas estivo a Galiña de Mos.

A X Feira dos Remedios que se celebrou en Ponteareas o sábado 10 de setembro contou coa Galiña de Mos, xa que os criadores Álvaro Rodríguez e Alejandro Collazo, presentaron aves vivas e repartiron abundante información sobre a nosa raza.