O restaurante Casa de Curro, en Baralla, introduce a pularda da nosa raza no menú.

Outro restaurante aposta polos produtos da nosa raza. Neste caso é Casa de Curro, que está ubicado en San Miguel de Neira de Rei, en Baralla, Lugo. Na súa carta ofrece Pularda da raza Mos confitada con champiñóns. Un lugar moi interesante para degustar esta delicia. As aves son proporcionadas pola granxa "Aves do Concello", de Vilalba, Lugo.





Temos que enseñar ao consumidor o noso sistema de produción

O sistema de produción de avicultura artesanal que estamos a desenvolver coa Galiña de Mos, implica que as nosas galiñas pasen a maior parte das horas do día ao aire libre, sendo criadas fóra de métodos industriais, con poucos exemplares. Este sistema de produción non é comparable ao sistema industrial, onde as aves se crían en grandes naves, con moitos exemplares e prácticas industriais diversas para forzar a maior produción (luz artificial, miles de galiñas xuntas, etc.).
Moitos destes produtos avícolas, en moitas ocasións son etiquetados como "de corral" ou "campeiros", baixo unha etiqueta que simboliza galiñas que se crían ao aire libre, cando isto non sucede.

Unha criadora de Galiña de Mos preséntanos o seu blog


Unha nova criadora de Galiña de Mos, Teresa Gándara, de Vimianzo, preséntanos a súa granxa e o seu blogue, desde o que proporciona información sobre as aves que cría na súa granxa artesá e sobre os seus produtos.

Engadimos o enderezo na barra lateral para unha rápida consulta.

A Galiña de Mos estivo na feira profesional GandAgro

GandAgro é unha feira de carácter profesional, que se celebrou do 13 ao 15 de marzo, sendo visitada por 11.000 persoas. Alí estivemos cun lote de exemplares da nosa raza, repartíndose moita información publicitaria a todos os interesados. Visitáronnos moitas persoas interesadas en comezar na avicultura artesanal, aos que lles explicamos a normativa existente e as características da nosa raza. Repartimos información sobre os datos dos socios de avimós que figuran na nosa web e que teñen exemplares para a venda.



Guiso de pularda con cogomelos e arroz basmati

O día 6 de marzo, o programa Larpeiros, da Televisión Galega, fixo un receita de "Guiso de Pularda con cogomelos e arroz bamati". As pulardas empregadas foron da nosa raza, achegándose ata o concello de Vila de Cruces a adquirilas.
Si queredes ver o programa aquí vos deixamos o enlace http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/guiso-de-pularda-con-cogomelos-e-arroz-basmati

Estaremos en GandAgro desde o xoves

Do 13 ao 15 de marzo celébrase a feira GandAgro 2014 no recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda. Asistiremos coa Federación de razas autóctonas de Galicia - BOAGA, nun stand onde daremos información. Exporase un lote de exemplares da raza.
A feira ten un carácter profesional, debendo acceder ao recinto con invitación. Dispoñemos de invitacións para os socios. Pódense solicitar no teléfono da asociación 988205486 ou ben poñéndose en contacto con nós na mesma entrada da feira.

A raza Galiña de Mos estivo presente no Fórum Gastronómico en diversas actividades

Entre o 23 e o 25 de febreiro celebrouse na cidade da Coruña, o Fórum Gastronómico, evento onde se dan cita os mellores chefs nacionais e moitos dos internacionais.

Nestes tres días houbo varias actividades onde participaron os produtos da nosa raza.

Un ovo de récord

Outro super ovo dunha Galiña de Mos mos atopamos hoxe. Na granxa de Socorro Mallón, en Santa Comba, apareceu un ovo de gran tamaño. Este ovo pesou 139 gr. o que é o de maior tamaño que temos atopado ata o momento, superando en 5 gramos ao que se atopara fai uns anos noutra granxa e do que xa faláramos no seguinte  enlace.
En ocasións as nosas galiñas, principalmente nas fases de inicio da posta, poñen ovos de moito máis tamaño, xa que se forman a partir da unión de varias xemas. Co paso dos días o ciclo da galiña vaise regulando e os ovos, adquiren o seu tamaño normal.
Na imaxe vemos a comparación deste ovo cun de tamaño normal. (Pobre galiña, o que lle debeu costar expulsalo)


Xornadas do Galo Mos no restaurante San Lázaro, en Lugo.

Ata o día 9 de marzo estanse a celebrar unhas xornadas que están a ser un gran éxito. Tendo uns entrantes de sopa de Galo Mos e un revolto de gulas con gambas, despois aparece o galo guisado de xeito tradicional, con patacas e pementos. De postre tiramisú con ovos de Galiña de Mos. 
Non se vai ninguén con fame.
O restaurante San Lázaro está no km. 501 da estrada Nacional VI, fronte ao Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. 
As aves veñen da granxa Chousa do Lea.

Diego López Cociñeiro do Ano 2014

Onte foi un gran día. O noso amido Diego López do restaurante La Molinera, de Lalín, foi elexido Cociñeiro do Ano 2014 en Galicia. Bo momento para recordar unha das súas deslicatessen cos produtos da nosa raza, fai un mes en Madrid, ""Pularda de raza Mos en su jugo emulsionado con miniensalada".
Diego emprega a miúdo os produtos da nosa raza nos seus menús, como a Galiña de Mos para os cocidos ou noutras elaboracións na súa carta como "Gallina de Mos estofada, mostaza de uva y verduras de invierno", actualmente no seu menú degustación.

Foto do blog: Gourmetymerlin de Jorge Guitian.

Bonitas imaxes da Galiña de Mos na neve

A neve dos días pasados deixóunos varias fermosas imaxes das nosas galiñas. Aquí vos deixamos unhas que nos envían os criadores Luis Freire, en Pol, Lugo e Roberto Raposo, en Pedrafita do Cebreiro, Lugo. 
 Nos Casares, no concello de Pedrafita do Cebreiro (Lugo)
 En Suegos, no concello de Pol, Lugo

A Galiña de Mos en Xantar 2014

O 15º Salón Internacional do Turismo, celebrado en Ourense dos días 5 ao 9 de febreiro, contou coa presencia de produtos da Galiña de Mos e con abundante información sobre a raza.
A Federación de razas autóctonas de Galicia-BOAGA, dispuxo dun stand con información sobre razas autóctonas galegas onde se atendeu aos interesados e se venderon os novos peluches da Galiña de Mos, da Ovella Galega e o libro "Cociñando coas razas autóctonas".

Tamén se poderon observar e degustar os produtos da raza a través de varias actividades. 

Xa temos á venda o peluche da Galiña de Mos.

En colaboración coa empresa Galileo nenos acabamos de sacar ao mercado o peluche da Galiña de Mos.
É un xoguete moi simpático apto para todas as idades. Está a gustar moito.

Na páxina web de Galileo Nenos ou na nosa páxina web  pódese atopar información sobre os puntos de venda. Tamén se poden mercar directamente na nosa oficina ou en calquera das feiras ás que asistiremos no futuro. O prezo de venda ao público recomendado en tendas é de 19.90 €. pero os criadores teñen un desconto especial. 

A Galiña de Mos estará en Xantar 2014

A Galiña de Mos participará na 15ª edición do Salón Internacional de Gastronomía e Turismo XANTAR, que se celebrará do 5 ao 9 de febreiro de 2014 no recinto Feiral Expourense,(Finca Sevilla s/n -32005-Ourense) estando representada en diversas actividades. A Federación de razas autóctonas de Galicia-Boaga contará cun stand onde ofreceremos información sobre a raza e os seus produtos. Tamén o sábado día 8 ás 14 horas, o cociñeiro Flavio Morganti, impartirá un showcooking de razas autóctonas onde elaborará un prato con Pularda de raza Mos.
O venres ás 14 horas, a Escola de Hostelería de Vilamarín, fará unha tosta de Galo Mos proporcionado pola granxa Galo Celta, da cooperativa Vicogalo.
O Concello de Vila de Cruces disporá dun restaurante onde un dos seus menús, será a partir de empanada de Galiña de Mos e arroz con Galo de Curral.
Uns días para disfrutar da nosa gastronomía.

Un criador de Galiña de Mos en "Cos pés na terra"

No programa da TVG "Cos pés na terra" do domingo 2 de febreiro, aparece Xosé María, criador de Galiña de Mos e Ovella Galega.
Vémolo coas súas galiñas a partir do minuto 6 e 30 segundos.
No seguinte enlace http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/o-mestre-antonio-xose-maria-carlinos

A Galiña de Mos en Madrid Fusión

Madrid Fusión é unha das feiras de gastronomía máis importantes de toda Europa. Celebrouse na capital de España entre os días 26 e 29 de xaneiro e alí asistiron varias das marcas de produtores da nosa raza.
Invitados pola Deputación de Pontevedra ao seu stand, asistiron os criadores Nicolás e María José da granxa Castro de Madrosende e José Luis e Manolo, da granxa a Crista do Galo.
O cociñeiro Diego López, do restaurante La Molinera, de Lalín, presentou "Pularda de raza Mos en su jugo emulsionado con miniensalada", tendo unha excelente aceptación. Tamén asistíu ao certame o criador David Sueiro, da granxa Galo Celta, que mantivo contactos co famoso cociñeiro Martín Berasategui, que segue a estar moi interesado na calidade dos produtos da nosa raza. Noraboa a todos.

O programa Vivir Aquí falou da Galiña de Mos

O día 25 de xaneiro, o programa da TVG Vivir aquí, fixo unha reportaxe sobre as razas autóctonas, onde aparecen os criadores Manolo e José Luis, da granxa "A Crista do Galo", ubicada na parroquia de Muimenta, en Lalín. 
A reportaxe pódese ver no seguinte enlace: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/do-campo-ao-prato

A Galiña de Mos participou en Fitur 2014

Grazas á invitación cursada pola Asociación de Hosteleros da provincia de Lugo, asistimos á presentación en Fitur da Guía da hostelería da provincia de Lugo E para comer Lugo, onde aparece o Galo de raza Mos. A esta presentación asisitimos cos nosos amigos da Asociación de Criadores da raza Ovella Galega (Asovega). Nesta xornada presentamos a hosteleiros de Madrid a Pularda de Raza Mos. O estudo de investigación que estamos a facer sobre a pularda da nosa raza, xunto coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia-BOAGA e o Centro Tecnolóxico da Carne de Galica, comeza a ter resultados que estamos comezando a divulgar entre os consumidores.
No madrileño restaurante Manolo houbo unha presentación de varios produtos galegos, participando unha receita feita polos cociñeiros do restaurante de "Pularda de raza Mos con salsa de almendra y risotto". Varios cociñeiros madrileños e publicistas gastronómicos mostraronse moi interesados nos produtos da Galiña de Mos.


A Galiña de Mos estará en Fitur 2014

O mércores 22 de xaneiro presentarase no stand de Turgalicia, na Feira Internacional do Turismo, a Guía da Hostalaería Lucense "E para comer Lugo". Dentro desta guía promociónanse produtos da nosa raza como o Galo Mos. Nesta xornada tamén haberá unha presentación especial da pularda da raza Mos diante de hosteleiros de Madrid.

Un bo plan para a noite de Reis

Un bo plan o que nos propón o famoso Restaurante Silabario, en Tui, para esta noite de reis. Poderemos cear entre outros "Gallo de Mos estofado muy lento, nabo glaseado y pequeños níscalos escabechados"...