Estas interesantes ponencias, serán impartidas de novo en vindeiras ocasións debido ao interés mostrado polos criadores que non poderon asisitir.
Varios aspectos importantes sobre a nosa raza foron analizados nas Xornadas Técnicas das razas autóctonas.
Un lote de galiñas do concello de Tordoia (A Coruña) gaña o II Concurso por lotes Semana Verde 2013.
Os lotes foron valorados polos xuíces e veterinarios oficiais da Xunta de Galicia, D. Cástor José Rivero e D. Julio Feijóo.
Máis información: Semana Verde, Faro de Vigo
Gran éxito do menú das razas autóctonas elaborado para a Semana Verde
O galo da nosa raza estará incluído no menú degustación das razas autóctonas na Semana Verde
Neste ano 2013 e dentro das actividades a celebrar do 13 ao 16 de xuño no XVII Salón de Alimentación do Atlántico – Salimat, no pavillón nº 1 do recinto feiral de Silleda, dentro da 36ª Feria Internacional Semana Verde de Galicia, BOAGA presenta TapiRazas, un restaurante de tapas con produtos das razas autóctonas galegas en perigo de extinción. Esta actividade ten por obxectivo promocionar as razas autóctonas galegas e os seus produtos, poñendo en valor as excelentes cualidades culinarias e sensoriais, diferenciándose como produtos únicos e de calidade.
Xunto con BOAGA e as asociacións de criadores de cada unha das razas pertencentes á Federación, participarán e colaborarán a Escola de hostalería IES Vilamarín, a Asociación de Criadores de Porco Celta, e as bodegas Fernández Rodriguez, S.C. - ADEGA DA CAPELA e ADEGA CACHÍN S.C., cos viños Pousadoiro (Ribeiro) e Peza do Rei (Ribeira Sacra).
A Escola de Hostalería de Vilamarín, elaborará as tapas cos produtos das razas autóctonas galegasCachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa, Ovella Galega, Galiña de Mos e Porco Celta, que se acompañarán de pan e bebida.
O menú degustación con produtos de autóctonas consta de catro tapas: vacún, cordeiro, galo e porco, bebida e pan. TapiRazas estará en funcionamento de xoves a domingo de 12 a 16 horas e o sábado todo o día no pavillón 1, cun menú degustación a prezos populares, o menú custará 5 euros.
Menú TapiRazas-Salimat 2013
Galo de raza Mos en dúas coccións con filloa de guiso das súas aliñas e torto de millo.
Cordeiro de raza Ovella Galega confitado ao tomiño, con fabas guisadas, setas de cardo e xamón.
Tenreira* glaseada no seu xugo, mel e café con pastel de pataca, touciño entrefebrado e castaña.
Costela de Porco Celta con adobo tradicional e chourizo ao viño de Ribeira Sacra
*Para o prato de tenreira emprégase carne das razas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa
Récord de participación no mercado tradicional da Semana Verde
Case 4.000 poliños entrarán entre os días 13 e 16 de xuño ao mercado tradicional de venda de polos, que celebraremos con motivo da Semana Verde. Procedentes de 16 criadores das catro provincias galegas, poranse á venda exemplares de entre un e tres meses. A ocasión é idónea para adquirir exemplares da nosa raza. Esperámosvos.As virtudes da Galiña de Mos serán analizadas dentro das Xornadas Técnicas das razas autóctonas, na Semana Verde
As Xornadas son abertas a todo o público.
Máis información: Faro de Vigo, Semana Verde.
Unha criadora do concello de A Estrada gaña o I Concurso de Ovos fritos en Bandeira, Silleda
Na Vinoteca Cadeira, en Bandeira, concello de Silleda, Pontevedra, celebrouse o I Concurso de Ovos fritos do Deza-Tabeirós, o venres 7 de xuño. Participaron doce criadores de Galiña de Mos que proporcionaron cada un unha ducia de ovos, que foron presentados en cestas. Posteriormente os cociñeiros foron preparando os ovos, que foron valorados por un xurado formado por tres mulleres e tres homes, entre os que se atopaban D. Cástor José Rivero, Director do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia e D. José Luis Factor, Xefe de Zona dos Servizos Veterinarios de Saúde Pública de Lalín.
Os ovos gañadores foron da criadora María Dolores López Ramos, do concello da Estrada.
O segundo posto foi para María José Castro Abonjo, da granxa Castro de Madrosende, de Vila de Cruces.
O terceiro lugar ocupáronno empatados a puntos José Antonio Abades Iglesias, do concello de Lalín e Santiago Caramés, do concello de A Golada.
Víctor Fontán, marido da gañadora, recolle o premio que foi entregado por D. Antonio Iglesias, Director Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, en presenza de José Luis Factor, Xefe de Zona dos Servizos Veterinarios de Saúde Pública de Lalín
Criadores da comarca do Deza no Xornal Faro de Vigo
O xornal Faro de Vigo ben de informar, o pasado xoves 6 de xuño, da produción artesanal coa Galiña de Mos, en especial sobre a comercialización dos ovos a partir da nosa raza autóctona desde explotacións artesanais. Pódese consultar esta interesante reportaxe no seguinte enlace: "Huevos con marchamo de corral auténtico"
Concurso de ovos na Vinoteca Cadeira
O Venres 7 de xuño, concurso de Ovos fritos na Vinoteca Cadeira, en Bandeira, Silleda, provincia de Pontevedra, cunha importante participación de criadores da nosa raza, da comarca do Deza-Tabeirós. Todos produtores artesanais.
24 criadores participarán no II Concurso-Exposición da Galiña de Mos SEMANA VERDE 2013

Despois
do gran éxito da primeira edición, a Asociación de avicultores da raza Galiña
de Mos-AVIMOS organiza xunto coa Federación de razas autóctonas de
Galicia-BOAGA e a
Fundación Semana Verde de Galicia, coa colaboración da Consellería do Medio
Rural e do Mar da Xunta de Galicia, a 2ª Exposición e Concurso por lotes de
Galiña de Mos-SEMANA VERDE 2013. Nesta ocasión participarán 24 criadores que
veñen das catro provincias galegas que presentarán preto de 100 aves
reprodutoras adultas, que serán valoradas en conxunto por un xurado formado por
veterinarios da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia. Do 13 ao 16 de xuño no Recinto Feiral de Silleda (Pontevedra).
A Galiña de Mos estivo na Feira de Artesanía de Castro de Riberas de Lea
O criador José Zapata, da granxa de avicultura artesanal Chousa do Lea, estivo na Feira de Artesanía celebrada o 1 de xuño, na carballeira de Castro de Riberas de Lea, en Castro de Rei, Lugo. Alí mostrou un galo e unha galiña, ademáis dunha galiña con 15 poliños, que fixeron as delicias dos máis pequenos.
Achégase unha Semana Verde 2013 chea de actividades.
Do 13 ao 16 de xuño celébrase unha nova Feira Internacional Semana Verde de Galicia, en Silleda, Pontevedra. A presente edición preséntase chea de actividades e novidades que vos iremos reseñando nos próximos días.
Dentro da Galiña de Mos haberá un concurso-exposición por lotes, un mercado de venda de polos, xornadas técnicas, asamblea da asociación, exposición e venda de produtos, degustacións e moita información.
Co resto das razas autóctonas participaremos en diversas actividades.
Mái información: Aquí, tamén nota de prensa.
A UE busca un nome para os produtos locais. Algunha idea?
A UE está buscando un nome curto e orixinal que podería ser empregado para identificar aos produtos agrícolas e alimenticios producidos nunha granxa e se venden en circuitos curtos de comercialización. Ata o de agora, estes produtos son xeralmente chamados "produtos locais", pero dentro da estratexia de promoción que ten a UE, busca ideas de cara a novos xeitos de denominación e de promoción. Calquera que teña unha idea pode encher o cuestionario ata o 31 de maio. (está en inglés).
Charla sobre a Galiña de Mos no C.E.I.P. Veleiro do Campo
O colexio de educación infantil e primaria Veleiro do Campo, en Castro de Riberas de Lea, no concello de Castro de Rei (Lugo) acolleu unha charla sobre a Galiña de Mos. Coa asisitencia dun amplo número de alumnos e mestres do centro, o criador José Zapata, de Chousa do Lea, falou da súa granxa de avicultura artesá, da nosa raza e dos traballos que desenvolve a asociación.Enric Ribera califica de brillante o labor que estamos a facer pola recuperación das razas autóctonas
Enric Ribera Gabandé (Lleida, 1950), periodista e escritor especializado en temática turística e gastronómica, autor de numerosos libros, publicacións e reportaxes para televisión e posuidor de diversos galardóns, especialmente en Cataluña, ven de facer unha publicación no blog de tvcocina onde ensalza o labor que se está a facer desde a Federación de razas autóctonas de Galicia-BOAGA e desde as asociacións respectivas, incluíndo á Galiña de Mos.
Un recoñecemento ao labor que estamos a facer todos xuntos. Graciñas.
O programa Larpeiros visitou unha granxa de Galiña de Mos
O Programa Larpeiros visitou a un dos criadores da raza Mos, Nicolás Castro da granxa Castro de Madrosende, en Vila de Cruces e fixo unha receita con espumoso galego... Rico, rico...
Turismos agroalimentario
Varios criadores de Galo de Curral de Vila de Cruces, obtido a partir da raza Galiña de Mos, están a tentar de desenvolver unha iniciativa sobre turismo agroalimentario entre os que se pode degustar ademáis do galo, filloas feitas con ovos de Galiña de Mos e outros produtos da nosa terra. No programa A Revista fíxose unha reportaxe..
Levámolo dicindo moito tempo
O Magrama (Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente) ven de facer un amplo estudo sobre os circuitos curtos de comercialización dos produtos agroalimentarios. Como ben indica o estudo defínese "un concepto del canal corto de comercialización como aquel en el que el número de intermediarios es uno o una cantidad muy limitada de personas, que está asociado al desarrollo económico local y en el que se valora la relación productor-consumidor".
O propio estudo destaca a importancia que ten en Europa o concepto do "local" que segundo din, aínda é incipente en España (aínda que en Galicia sabemos que non é así). Parece evidente ao observar o estudo que o escaso desenvolvemento deste sistema en comparación ao resto de Europa é debido a que noutros países fanse normativas axeitadas ao desenvolvemento deste tipo de comercialización, mentras que aquí non se quere permitir.
Máis información en : Magrama. O estudo pódese descargar premendo aquí.
Tamén o enxeñeiro agrónomo Felipe Medina, fai unha reflexión sobre 12 medidas para impulsar estas canles de comercialización.
A Escola Superior Agraria de Ponte de Lima (Portugal) visitou a granxa dun criador da raza
Alumnos, profesores e zootecnistas formados na Escola Superior Agraria de Ponte de Lima, en Portugal, fixeron unha visita a Galicia para observar diferentes explotacións gandeiras da nosa terra. Visitaron a Granxa de avicultura artesanal Chousa do Lea, en Castro de Riberas de Lea, sorprendéndose dos métodos de manexo empregados na Avicultura Artesanal que estamos a desenvolver e co traballo que estamos a facer coa Galiña de Mos.O criador Alberto Fernández Fraga preséntanos a súa web.
O criador Alberto Fernández Fraga, de Outeiro de Rei (Lugo) preséntanos a súa nova páxina web. Pódese consultar no dominio www.galimos.es
Animamos a todos a seguir sumándose á rede, promocionándose de cara á divulgación das nosas explotacións avícolas.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
.jpg)






