O programa Larpeiros visitou unha granxa de Galiña de Mos

O Programa Larpeiros visitou a un dos criadores da raza Mos, Nicolás Castro da granxa Castro de Madrosende, en Vila de Cruces  e fixo unha receita con espumoso galego... Rico, rico...

Turismos agroalimentario

Varios criadores de Galo de Curral de Vila de Cruces, obtido a partir da raza Galiña de Mos, están a tentar de desenvolver unha iniciativa sobre turismo agroalimentario entre os que se pode degustar ademáis do galo, filloas feitas con ovos de Galiña de Mos e outros produtos da nosa terra. No programa A Revista fíxose unha reportaxe.                                        

   

.

Levámolo dicindo moito tempo

O Magrama (Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente) ven de facer un amplo estudo sobre os circuitos curtos de comercialización dos produtos agroalimentarios. Como ben indica o estudo defínese "un concepto del canal corto de comercialización como aquel en el que el número de intermediarios es uno o una cantidad muy limitada de personas, que está asociado al desarrollo económico local  y en el que se valora la relación productor-consumidor". 
O propio estudo destaca a importancia que ten en Europa o concepto do "local" que segundo din, aínda é incipente en España (aínda que en Galicia sabemos que non é así). Parece evidente ao observar o estudo que o escaso desenvolvemento deste sistema en comparación ao resto de Europa é debido a que noutros países fanse normativas axeitadas ao desenvolvemento deste tipo de comercialización, mentras que aquí non se quere permitir.


Máis información en : MagramaO estudo pódese descargar premendo aquí.

Tamén o enxeñeiro agrónomo Felipe Medina, fai unha reflexión sobre 12 medidas para impulsar estas canles de comercialización.

A Escola Superior Agraria de Ponte de Lima (Portugal) visitou a granxa dun criador da raza

Alumnos, profesores e zootecnistas formados na Escola Superior Agraria de Ponte de Lima, en Portugal, fixeron unha visita a Galicia para observar diferentes explotacións gandeiras da nosa terra. Visitaron a Granxa de avicultura artesanal Chousa do Lea, en Castro de Riberas de Lea, sorprendéndose dos métodos de manexo empregados na Avicultura Artesanal que estamos a desenvolver e co traballo que estamos a facer coa Galiña de Mos.

O criador Alberto Fernández Fraga preséntanos a súa web.


O criador Alberto Fernández Fraga, de Outeiro de Rei (Lugo) preséntanos a súa nova páxina web. Pódese consultar no dominio www.galimos.es 
Engadímola á barra lateral das páxinas dos criadores da raza Galiña de Mos.
Animamos a todos a seguir sumándose á rede, promocionándose de cara á divulgación das nosas explotacións avícolas.

Como se forman os ovos

Vos preguntástedes algunha vez como se forma o ovo no interior da galiña? Aquí tedes un vídeo que explica dunha maneira moi sinxela como se forman os ovos que poñen as galiñas.


Gallinas: ¿Como se forman los huevos? por raulespert

Receita de Galo de Mos á carbonada

Benbo é un interesante proxecto que mostra a riqueza gastronómica dos produtos galegos e aos profesionais existentes en Galicia. Ten unha revista en papel e a través da web poderemos estar informados sobre novas referentes á gastronomía.
Benbo ven de publicar unha receita de Galo de Mos á carbonada que podedes consultar no enlace, que foi elaborada por Rocío Garrido.

Estivemos na Feira do Queixo do Cebreiro


O pasado 29 de marzo estivemos na Feira do Queixo do Cebreiro en Pedrafita, Lugo. Os criadores da raza da zona organizaron unha mostra de exemplares, pasando polo posto moitos interesados na crianza da raza autóctona.

Últimos días das Xornadas Gastronómicas do Galo Mos en Castroverde

Últimos días das xornadas do Galo Mos que se están a celebrar no restaurante Pereira III en Castroverde (Lugo). Podemos escoller de primeiro entre unha sopa ou revolto de grelos con ovos de Galiña de Mos. Despois temos un moi ben preparado Galo da raza asado ao estilo tradicional acompañado de ensalada. O restaurante proponnos tamén por encarga que probemos unha combinación do galo Mos con lumbrigante.


Unha granxa para o futuro

O criador Bruno Vidal envíanos este video documental do ano 2009, ambientado no Reino Unido. É moi  interesante xa que trata aspectos que nos deben facer reflexionar. Seguro que nos sonan moitas das circunstancias que se reflexan no documental.

Dous criadores preséntannos as súas páxinas web

Dous criadores xa están na web con información sobre os seus exemplares e as súas granxas, son Bruno Vidal en Miño (A Coruña) e Augusto Fontán, en Pontevedra. Engadimos as súas webs á barra lateral

A Galiña de Mos no programa Vivir aquí da Televisión de Galicia

O programa Vivir aquí, que se emite os domingos, emitíu un programa titulado "a calidade ten un prezo" onde a Galiña de Mos tivo o seu espazo. Os criadores da raza Álvaro Rodríguez (de Mos, Pontevedra) e Pablo Balboa (da granxa Sabores de Santiso, en Santiso, A Coruña) faláronnos das características da raza e dos seus produtos. A partir do minuto 19 e 25 segundos.
                                       

   

Xornadas do Galo Mos en Castroverde (Lugo)

A partir do 15 de marzo e ata o 7 de abril unhas novas xornadas do Galo Mos. Procedentes da granxa de avicultura artesanal Chousadolea o restaurante Pereira III en Castroverde (Lugo) organiza unhas xornadas cun menú con sopa, revolto de grelos con ovos de Galiña de Mos e Galo da raza asado ao estilo tradicional. O restaurante proponnos tamén por encarga que probemos unha combinación do galo Mos con lumbrigante (dise que está moi bo).

Gran éxito do restaurante das razas autóctonas en Xantar

En Xantar, o restaurante das razas autóctonas contou con un gran número de comensais nos cinco días que durou o certame. A feira foi visitada por máis de 20.000 visitantes, parte dos cales degustaron o menú das razas autóctonas onde se incluía entre os entrantes unha ensalada feita coa peituga do Galo Mos e entre os platos principais, o Galo Mos ao viño Mencía. Todo servido polo prestixioso chef Flavio Morganti.


O Galo Mos volve a triunfar en Casa Quinzán

O restaurante Casa Quinzán en Melide, ten galo da raza Mos os segundos fines de semana de mes por encarga. Son criados pola granxa Sabores de Santiso. Do 8 ao 10 de marzo agotouse o produto. Na imaxe vemos unha apetitosa presentación.
 

No restaurante Casa Quinzán, de Melide, Galo de Mos os segundos fins de semana de mes.

No restaurante Casa Quinzán en Melide, os días Venres 8, Sábado 9 e Domingo 10 de marzo haberá un menú especial recomendado de CAZOLA DE GALO DE MOS. Terán este produto todo os segundos fins  de semana de mes e por encarga. Os galos son criados pola granxa Sabores de Santiso. Teléfono de reservas no 981 50 53 25. Unha excelente opción para os fins de semana.

Un restaurante de razas autóctonas en Xantar

Xantar, Salón Galego de Gastronomía e Turismo, que se celebra en Ourense do 6 ao 10 de marzo, é unha feira que alcanza a súa décimocuarta edición  e que transforma o recinto de Expourense nun gran centro de restauración. En 12.000 metros cadrados cubertos, recréanse unha vintena de restaurantes con todos os detalles e servizos. O obxectivo é dobre: exaltar as materias primas coas que se elaboran os menús e fomentar a calidade e a prestación do servizo. 
Este ano como gran novidade a Federación de razas autóctonas de Galicia-BOAGA, terá xunto ao famoso cociñeiro Flavio Morganti, do restaurante Galileo, un restaurante dentro deste salón que ofrecerá un suculento menú coas razas autóctonas, formando parte do menú o galo da nosa raza. Tamén teremos un stand de información para todos os interesados.


Boaga estrena páxina web

A Federación de Razas Autóctonas de Galicia - BOAGA, da que forma parte Avimós, ven de estrear páxina web, na que existe información sobre as razas autóctonas que integran a Federación e colaboran con ela. 
Si queredes informarvos sobre as outras razas autóctonas visitade www.boaga.es. Irase ampliando información nos próximos días. 

Achégase un mes de marzo cargado de actividades


O próximo mes de marzo ven cheo de actividades de promoción da nosa raza e de oportunidades para degustar as súas carnes. Pronto vos informaremos.

Para rematar o mes de febreiro o restaurante O Pazo de Lugo en Madrid organiza o xoves 21 unha cena-cata na que o Galo da raza Mos forma parte do menú principal.
Tamén o Restaurante Silabario en Tui, segue a ofrecernos no seu menú un estupendo prato do Galo Mos estofado a fogo lento, rebozuelos escabechados e nabo glaseado. Ademáis este restaurante farán o 7 de marzo unhas maridaxes, entre os que destaca a combinación con  croqueta de Galo Mos con maíz e trigo.
Tamén o sábado día 22 de febreiro en Bertamiráns, concello de Ames, ao carón de Santiago de Compostela, a granxa Sabores de Santiso organiza unha degustación na tenda especializada La cesta natural.

A Galiña de Mos participou en Fitur


Grazas á invitación cursada pola Asociación de Hosteleros da provincia de Lugo, asistimos á presentación en Fitur da Guía da hostelería da provincia de Lugo E para comer Lugo, onde aparece o Galo de raza Mos. Na mesa de presentación participaron o presidente da Asociación de hosteleros de Lugo Cheché Real, a Delegada da Xunta en Lugo Raquel Arias, a Vicepresidenta da Deputación de Lugo Lara Méndez e o Presidente de Avimós Francisco Monasterio, en representación das marcas de calidade dos produtos galegos. No stand de Galicia repartiuse abundante información sobre os produtos gastronómicos galegos.
Presentación da Guía
Stand de Galicia en Fitur
Aproveitando a visita a Madrid, fixéronse contactos con varios restaurantes madrileños e galegos ilustres  para informarlles sobre a raza e a calidade das súas carnes. O restaurante O Pazo de Lugo realizou unha exquisita preparación do galo guisado acompañado con espárrago triguero á prancha e crocante de xamón, mostrando estas persoalidades moito interés por unha carne tan especial e diferente.
Máis información: E para comer Lugo, El Progreso, La Voz de Galicia